Neste ligazón do Sergas https://saladecomunicacion.sergas.gal/Paginas/DetalleNova.aspx?idNova=15642 podemos ler a seguinte información:
‘O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinou esta mañá os convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e nove entidades sen ánimo de lucro que prestan asistencia a pacientes con trastornos vinculados ás condutas adictivas, un acto no que salientou o carácter vangardista que terá a nova Lei galega de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas.
O responsable da Sanidade galega precisou que a Xunta realizará este ano un investimento de preto de 8 millóns de euros para apoiar o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada neste ámbito, incrementando nun 2% (160.000 euros) a partida destinada a estas nove asociacións que hoxe asinaron os convenios.
En concreto, e a través do Servizo Galego de Saúde, a Xunta colaborará coa Asociación Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Adictivas (UTACA) achegando un total de 249.013 euros; coa Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL), destinando 256.443 euros; coa Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, cunha achega de 144.612 euros; e coa Asociación As Burgas para o Tratamento e Rehabilitación do Enfermo Alcohólico, con 225.820 euros.
Así mesmo, achegará 1.220.705 euros á Fundación Monte do Gozo para o desenvolvemento do programa terapéutico-educativo “Proxecto Home”; un total de 2.069.813 euros á Asociación Cidadá de Loita contra a Droga da Coruña (ACLAD); colaborará coa Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) achegando 1.146.962 euros; coa Asociación Cruz Vermella de Lugo, a través dunha partida de 762.718 euros; e coa Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Alborada) de Vigo, a través dun convenio no que a Xunta consigna unha partida de 1.843.156 euros.
No ano 2024, un total de 6.671 persoas participaron nos programas e actividades que desenvolveron estas nove entidades sen ánimo de lucro.
O labor que a Consellería de Sanidade realiza para a atención ás persoas con trastornos adictivos materialízase tamén a través doutras actuacións complementarias, entre as que destacan os convenios que anualmente se asinan con 7 entidades que realizan programas de atención xurídico-social, ademais do programa Itínere que se desenvolve coa Fundación Érguete para mellorar a integración laboral e social das persoas nesta situación.
A maiores, a Consellería de Sanidade conta cunha liña específica de axudas para programas de vivendas dirixidos a pacientes estabilizados, así como subvencións para proxectos de interese socionsanitario no ámbito dos trastornos mentais que inclúen a atención ás adiccións.
O conselleiro tamén lembrou que o departamento que dirixe segue a traballar na integración no Servizo Galego de Saúde das 13 unidades municipais de atención a drogodependencia, co ánimo de avanzar cara a un modelo asistencial máis homoxéneo e mellor dotado para toda a comunidade.
Anualmente a Consellería de Sanidade colabora coa Federación Galega de Municipios e Provincias para o financiamento da asistencia nestas 13 unidades de atención ás adiccións de titularidade municipal e que supón un investimento de 4 millóns de euros.
En total, neste 2025 a Xunta destina 12,4 millóns de euros a apoiar a entidades que prestan asistencia e atención sociosanitaria ás persoas con trastornos adictivos.’