A Xunta asina un convenio de colaboración con ASFEDRO

Marzo 14, 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta semana dous convenios de colaboración entre o Sergas e as entidades sen ánimo de lucro Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) e a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos. Por parte de ASFEDRO, asinou o convenio o seu vicepresidente, Antonio Núñez Pérez. Por parte de Exalcohólicos de Ferrolterra, o convenio foi asinado polo seu vicepresidente, José Manuel Fernández Fernández. No acto estivo presente, así mesmo, o xerente da área sanitaria, Ángel Facio, e a subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco.

En concreto, a Xunta destinará ao convenio con ASFEDRO, unha partida de 1.124.473 euros, e a Exalcohólicos de Ferrolterra 141.776 euros. Ao longo do ano 2023, foron asistidas ao abeiro do convenio entre o Sergas e ASFEDRO un total de 1.159 persoas beneficiarias, dos que 956 son homes e 203 mulleres. Polo que atinxe ao convenio do Sergas con Exalcohólicos de Ferrolterra, ao longo do pasado ano foron asistidas un total de 334 persoas, 220 homes e 114 mulleres.

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivalos aos centros que procedan.

Cómpre remarcar que a Xunta aprobou recentemente convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, até acadar os 7.764.100 euros. Deste xeito, o Executivo galego incrementará este ano en máis de medio millón de euros o investimento dos convenios que o departamento sanitario galego mantén para o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial.

https://saladecomunicacion.sergas.gal/Paginas/DetalleNova.aspx?idNova=14372&idioma=ga

Últimas Noticias…